sábado, 26 de febrero de 2011

DESCENTRALIZACIÓN: ASAMBLEA COMÚN


Estimados compañeiros e compañeiras,
Trala solicitude do decano para constituír a Comisión asesora do baremo de descentralización reunímonos Olalla (Delegada do Grupo I de 3º), Teixo (Delegado do Grupo II de 3º), Alberto (ALEM), Montse (ALEM), Tania (Comités) e Andrés (ME.I.GA.).
O obxectivo desta comisión é establecer un baremo xusto e transparente para todos os estudantes que no curso académico 2011-2012 vaian comezar o segundo ciclo universitario da licenciatura de Medicina.
Tralo acordo común, para poder presentarvos a situación como se debe, queremos convocar unha asemblea informativa o vindeiro:
Martes 1 de Marzo 2011 ás 18:30 na aula 8
Nesta asemblea queremos expoñerlles toda a información que recibimos e cal vai ser o noso plan de acción para esta tarefa.
De aquí a aló, o noso traballo será preparar a exposición o mellor posible e de solicitar tanto o salón, como a colaboración dos profesores con clases a esas horas. A razón deste horario é para dispor do tempo para facer as cousas ben; explicar todo o necesario.
Polo voso lado, ata o momento da reunión, rogámosvos dúas cousas:
  • En primeiro lugar, un máximo de tranquilidade. Estamos nunha fase de propostas, non de decisións e actualmente non hai ninguén na facultade de medicina coa información suficiente ou coa autoridade  para poder dar detalles xa que é un proxecto vivo e activo. O que podemos garantir é que, como comisión, temos previsto escoitar opinións  e usar todos os medios necesarios para que esta proposta sexa o máis realista posible e o máis adaptada a todos os estudantes implicados.
  • En segundo lugar, pedimos un máximo de presenza en dita reunión; dispostos a escoitar e a botarnos unha man con esta gran labor. É unha primeira reunión na cal o único que queremos é presentarnos, informar, explicar cómo temos previsto traballar, cales son os nosos factores limitantes e, se é posible, comezar a escoita de opinións. Nada máis.
Por último, parécenos importante resaltar que é un esforzo que temos que facer en conxunto. Empregaremos todos os medios das diferentes asociacións e dos blogues de clase para comunicar información e os diferentes avances. Iso si, decidimos facer comunicacións como comisión e, para evitar problemas de comunicación, farémolo de forma conxunta. Unha vez que os seis esteamos informados e de acordo coa información a transmitir comunicarémosvola. A razón non é para filtrar información, todo o contrario. Podemos garantirvos que todo o que saibamos saberédelo. Pero visto o delicado que é este tema para todos e o fácil que é facer malas interpretacións, decidimos actuar desta maneira.
Na espera de vervos na reunión mandámosvos un saúdo.
Atentamente,
A comisión asesora do baremo de descentralización

1 comentario:

  1. Unha posible solución que se planteou na reunión do martes e que creo que non se dou a oportunidade de analizala correctamente foi a que planteou unha rapaza, na que se propoñía un "rotatorio" para a descentralización.
    Isto consistiría en coller a lista dos que estaremos matriculados en 4º o próximo ano e facer grupos formados polo número de persoas que ten que haber de descentralizados. E así, cada mes iríase un grupo ós correspondentes lugares fóra de Santiago.
    Considero que é a forma máis xusta e igualitaria.
    Ademáis, non habería o problema do das materias optativas e de libre configuración, porque só estaríamos fóra un mes ó ano.
    Que pasa se as contas non dan para que nos vaiamos todos un mes do curso? Pois para cando estivéramos en 5º seguiríamos rotando.
    Creo que é unha opción que se debería barallar.

    ResponderEliminar